O premio da Organización foi para a Plataforma das Artes Escénicas
(Ofrecemos no blog de teatro O Galiñeiro un avance do que sairá en portada de Praza en breve)

Un ano máis a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) pechou con éxito de público e crítica, malia todos os recortes (un 20% no orzamento con respecto ao ano pasado e a case nula participación da AGADIC). Grazas aos esforzos da organización, que axustaron ao máximo, e das compañías participantes, que reduciron cachés e colaboraron cos gastos, e, sobre todo, grazas ao gran nivel das propostas tanto universitarias como profesionais, a 18ª edición rematou onte entregando os seus premios, entre outras, ás aulas de teatro de Lugo e Santiago de Compostela e á Plataforma das Artes Escénicas. Tamén facendo un balance moi positivo. Dío Fernando Dacosta, director da MITEU, quen afirmou que “as cifras foron moi similares ás das últimas edicións”, o que confirman todas as compañías invitadas e o xurado e público fiel, que salientan o “bo nivel xeral” e“a importancia dun festival así en Ourense”.
A MITEU baixou onte o telón ata unha incerta vindeira edición (só o apoio sempre fiel do público pode garantir a súa supervivencia) cun fin de festa intenso, protagonizado coma sempre pola compañía de teatro universitario local, Maricastaña (último e máximo nivel das aulas de teatro ourensás), o “Classics Duo” de Jango Edwards e Cristi Garbo, e a música do grupo Ménage à Trois. Antes de Maricastaña, no mesmo escenario do Teatro Principal de Ourense, celebrouse a habitual gala e entrega de premios ás compañías sen caché, é dicir, non profesionais. Coma sempre, a compañía Sarabela despregou un gran espectáculo, recreando un “western” con vaqueiros, unhas particulares bailarinas e Sétimo de Cabalería incluídos, e Fernando Dacosta, mestre de cerimonias, caracterizado como un actor máis.


Malia a diversión, houbo momentos para a denuncia social e política, cuns altos cargos “responsables” da cultura do país que parecían máis “viláns” e “bandidos” dunha película do oeste que representantes dos cidadáns. O director da MITEU lembrou que queren roubarnos “a educación, a sanidade, a xustiza”, e tamén “a cultura”. Foi xusto ao final da gala, cando entregou o premio da Organización á Plataforma das Artes Escénicas “pola súa loita para dignificar a profesión teatral galega e o teatro galego”. Polo seu lema “Cultura contra a mentira”, “tan preciso nestes tempos”, e “polo traballo e as accións levadas adiante cun grande esforzo para que continúe a haber redes de exhibición teatrais, axudas ás producións e Festivais e Mostras”. Foi unha forma de recoñecer o papel da cultura nestes momentos en que se cuestiona a súa utilidade a través dos recortes significativos en orzamentos institucionais, a paralización das redes de teatros e medidas como a suba do IVE.

Antes foron desfilando polo escenario as distintas aulas universitarias recoñecidas, tanto polo público como polo xurado, a organización e os técnicos de Teatro Principal e Auditorio Municipal. De forma excepcional, os premios do Xurado e do Espectador “Carlos Couceiro e Begoña Muñoz” coincidiron en ir para a Aula de Teatro de Lugo pola súa anovadora adaptación de “Animaliños”, de Roberto Vidal Bolaño. Uns emocionados e animados actores recolleron os premios tamén no nome da súa directora, Paloma Lugilde, da que o xurado destacou o carácter rompedor da súa posta en escena e a “xenerosidade” á hora de dirixir e deixar crear ós propios alumnos. Pola súa banda, os galardóns “Suso Díaz” á mellor resolución técnica foron para os portugueses Teatr’Ubi/Asta de Covilhâ, con “Parecia que dançávamos. Tu vestido de príncipe e eu nua” (Auditorio), e para a Aula de Teatro da USC de Santiago de Compostela con “Agamenón. Volvín do supermercado e dinlle unha malleira ao meu fillo” (Teatro). Ademais, houbo mencións especiais, novamente para a Aula da USC de Santiago, para o brasileiro Eduardo Okamoto por “Agora e na Hora da Nossa Hora”, e para o TEUC de Coimbra por “Projecto H”.



Xusto despois, Maricastaña ofreceu o último espectáculo de teatro universitario, coa representación de “Suicidio Colectivo con Encanto”, dramaturxia libre de Fernando Dacosta a partir de “Delicioso Suicidio en Grupo”, do autor finés Arto Paasilinna. Personaxes que ven na morte a única solución xúntanse nun seminario de suicidioloxía proposto por un deles, e así emprenden unha longa viaxe tamén interior no que se citarán a morte e a vida, levadas ata o extremo. Un espectáculo coral, dinámico, rico en recursos sensoriais e cunha música moi ben escollida, o característico da aula Maricastaña, no que o director conseguiu que todos os actores e actrices tivesen o seu momento de gloria e brilasen con voz propia, nunha función que, como todas as de Maricastaña en Ourense, encheu o Teatro Principal e conseguiu esgotar as entradas dende moi cedo.

A continuación, o último espectáculo de teatro profesional ofreceuno o actor estadounidense Jango Edwards, xunto á barcelonesa Cristi Garbo. Ambos ofreceron en Classics Duo unha “áxil selección” de números cómicos con mimo, gags e cancións sacados do mellor do repertorio dos dous. Mimo, clown, cancións, comedia, revista, jazz, e, por suposto, moito humor. Foi o broche de luxo no Auditorio a dezaséis días do mellor teatro tanto universitario como profesional.
Á unha da madrugada, os que aínda tiveron ganas de festa puideron disfrutar no Café Cultural Auriense da música de Ménage à Trois, coa súa fusión de estilos, blues, funk, ska, bossa, reggae, “todo orientado ao estilo pop-rock, misturado cunha estética e un son moi persoal e pouco común”.


Tanto o público como o xurado do certame coincidiu en sinalar “o bo nivel xeral” das propostas. Aínda que “é difícil salientar” un espectáculo sobre os outros, hai algúns “que están chamando moito a atención”, afirmou Dacosta esta semana. Hoxe facía un balance moi positivo destas dúas semanas de teatro sen interrupción. A falta dun reconto definitivo de espectadores, explicaba que as cifras foron “similares” ás das últimas edicións. “Algo menos en teatro en espazos convencionais, quizais, pero máis público na rúa e espazos alternativos. Podemos falar dun achegamento aos 10.000 espectadores novamente se sumamos Auditorio, Teatro Principal, Campus, café Auriense, actuacións de rúa e animacións de rúa durante toda a MITEU. Menos punta de espectadores por arriba pero mínimos máis altos, o que equilibra a tendencia dos últimos anos”.
Nesta edición, na que participaron 300 actores, directores, técnicos, músicos e bailaríns de universidades e compañías profesionais de Galicia, España, Portugal, Italia, Estados Unidos, Brasil, Ecuador e Arxentina, brilaron “as novas formas escénicas” a carón dunha “preocupación polo teatro social”, “tónicas” desta edición da MITEU, que “destacou polo gran nivel das compañías participantes”. Deste xeito, a MITEU de Ourense consolídase como a mostra de teatro máis importante de Galicia xunto coa de Ribadavia.
UNHA MOSTRA QUE DESTACOU POLA SÚA INNOVACIÓN E COMPROMISO

En máis de dúas semanas houbo de todo, non só e nin sequera principalmente o teatro máis convencional ou “clásico”: teatro de rúa, danza contemporánea, experimentalismo, monólogos, música, maxia, circo, cabaré, mimo, cine e documental… A MITEU foi especialmente anovadora este ano, con propostas escénicas moi orixinais: distanciamento brechtiano e denuncia social e política (Aula de Burgos e Aula de Santiago, con textos, entre outros, de Rodrigo García, Félix Grande e Thomas Bernard); posta en escena rompedora e ruptura dos espazos escénicos, íntimos e centrais, de tipo isabelino e redondos (Aula de Lugo, Eduardo Okamoto, Aula de Burgos); monólogos que incidiron na especial forza dun só intérprete (Casilda Alfaro de Teatro de Ningures; Josito Porto de Teatro do Adro; Eduardo Okamoto; Gruppo Limpido-Banda Kurenai; Alba Sarraute); experimentación co corpo, ritmo, plástica e movemento (TEUC de Coimbra; Eduardo Okamoto; Teatr’Ubi); números musicais, cabaré e músicas do mundo (Alba Sarraute; Aula de Pamplona; Chokilla; Jango Edwards e Cristi Garbo); danza contemporánea e danzas do mundo (Teatr’Ubi; Fervor de Buenos Aires; Alba Sarraute; distintas aulas universitarias de Galicia); happenings ou performances de rúa (TUT de Lisboa, Aula de Lugo, Rosaura); humor por veces surrealista e absurdo (A Contrabutaca, Yllana, GrETUA de Aveiro, Aula da Coruña, Aula de Vigo, Aula de Lugo, Aula de Pamplona, Teatro do Adro) ou directamente negro (Maricastaña; Aulas de Santiago, Burgos e Lugo); revisións modernas de clásicos (Aula da Complutense; TUT de Lisboa; GrETUA de Aveiro); cinema e clown (Yllana); e ata proxeccións de cinema mudo (Irmáns Lumieira) son os ingredientes variopintos que conformaron o menú selecto desta edición.
A solidariedade estivo tamén moi presente, coa proxección do filme “Positive Generation”, sobre o progreso do tratamento da SIDA en Zimbabwe e o labor de Médicos sen Fronteiras; e coa exposición de Asemblea de Cooperación Pola Paz sobre o seu traballo en Tunisia; a pesar de que o consulado español neste país empeceu a participación da compañía tunisiana no festival, coa súa correspondente charla. Tamén Vidal Bolaño foi unha constante ao longo da mostra, coas montaxes de Cordelia e as aulas de Lugo, A Coruña e Vigo, que tiveron especial éxito, con textos de “Animaliños”, “A burla do galo”; “Saxo Tenor”… Tamén outros autores contemporáneos de gran proxección, como Rodrigo García, destacaron ao recurriren a varios textos seus diversas compañías (Aula de Santiago; Aula de Burgos), ao igual que mitos clásicos como o de Antígonas (Aula da Complutense; TUT de Lisboa; Teatro de Ningures), e, entre outros, sonaron ecos universais como os de Hamlet/Shakespeare, María Zambrano, Brecht, Buñuel, Sófocles, Eurípides… ao lado de referencias máis modernas como as xa citadas e Eduardo Galeano, Eliecer Cárdenas, Alfredo Sanzol, Arto Paasilinna…
Especialmente, dende o blog de teatro de Praza Pública, O Galiñeiro, salientamos os da Aula de Santiago de Roberto Salgueiro, o da Aula de Lugo de Paloma Lugilde, o de La Charanga da Universidade Complutense de Madrid, o do brasileiro Eduardo Okamoto, o do italiano Gruppo Limpido-Banda Kurenai, ou o dos portugueses de Teatr’Ubi e TEUT de Coimbra. A maioría deles foron premiados onte.
JORGE M. DE LA CALLE
Entrega de Premios do Xurado e do espectador “Carlos Couceiro e Begoña Muñoz”
Entrega de Premios á Mellor Resolución Técnica “Suso Díaz”

LUGAR: Teatro principal
HORA: 20’00
A organización da MITEU decide outorgar o premio da 18ª MITEU 2013 á PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS pola súa loita para dignificar a profesión teatral galega e o teatro galego. Polo seu lema “Cultura contra a mentira” tan preciso nestes tempos. Polo traballo e as accións levadas adiante cun grande esforzo para que continúe a haber redes de exhibición teatrais, axudas ás producións e Festivais e Mostras.
XURADO DO PREMIO “CARLOS COUCEIRO E BEGOÑA MUÑOZ”: Uxía Morán, Borja Bobillo, José Mao, Ledicia Piñeiro e Esteban González.
XURADO DO PREMIO “SUSO DÍAZ”: Técnicos do Auditorio e do Teatro Principal
PREMIO DO ESPECTADOR (Só para grupos que non perciben caché)
PREMIO DO XURADO (Só para grupos que non perciben caché)
PREMIO DA ORGANIZACIÓN DA MITEU

SUICIDIO COLECTIVO CON ENCANTO
MARICASTAÑA, AULA DE TEATRO UNIVERSITARIA DE OURENSE (GALICIA)
AUTOR: dramaturxia libre de FERNANDO DACOSTA a partir de “Delicioso suicidio en grupo” de Arto Paasilinna
ELENCO: Marcos Vázquez, Yu Estévez, Patricia Figueiras, Pablo Meijide, Nuria Paz, Samuel Cardoso, Alberto Medeiros, Alba Núñez, Alicia Fraga, Victoria Álvarez, Noelia Rodríguez, Alba da Estevadinha, Reyes Mangue, Iván Davila, Sandra Al Ca, Daniel Vázquez, Paco Daza
DIRECCIÓN: Fernando Dacosta
LUGAR: Teatro Principal
HORA: 20’30
DURACIÓN: 90 Minutos
TARIFA: 2 €
O paradoxo do título remítenos aos extremos desta obra: a morte a vida. Personaxes que ven na morte a única solución xúntanse nun seminario de “suicidioloxía”proposto por un deles. Vidas danadas, problemas sen solución aparente, a vida sen sentido tal e como discorre… Dalí sairá unha conclusión, como adoita acontecer nos congresos: participarán nun suicidio en grupo, un suicidio colectivo con encanto. E aí comeza o gozoso. Cando se vive cada día coma se fose o último, cando o “carpe diem” golpea ás persoas e aflora a humanidade, o gozo, a explosión vital. Iremos descubrindo o que agocha cada personaxe nunha viaxe desde Galicia á punta máis septentrional de Europa. Unha policía tratará de entender que traen entre mans ese excéntrico grupo dirixido por un coronel, unha directiva de empresa e unha xefa de estudos… E todo iso sazonado dun humor latente durante toda a peza que en ocasións chega a ser humor negro.

Classics dúo
JANGO EDWARDS (EEUU)
AUTOR: Jango Edwards
ACTOR: Jango Edwards e Cristy Garbo
DIRECCIÓN: Jango Edwards
LUGAR: Auditorio
HORA: 23’00
DURACIÓN: 90 minutos
TARIFA: 5 €
Durante a súa carreira de clown Jango desenvolveu o que chamariamos clásicos. Como os pintores ou os escultores, os artistas de escenario crean rutinas variadas que cos anos van mellorando para achegarse á perfección. Estas actuacións son os puntos culminantes dentro do repertorio dos artistas, e co tempo convértense nas favoritas tanto do artista como do público. Unha representación de Classics é unha áxil selección de números cómicos con mimo e cancións sacados das 12 mellores horas do repertorio de Jango. O rexistro de técnicas utilizadas durante o show poden incluír mimo, danza, maxia, cancións, acrobacia, música, comedia, revista, cabaret, poesía, malabares ou títeres.

CONCERTO: Cicloxénese explosiva
MÉNAGE À TROIS (GALICIA - MARROCOS)
BATERÍA: Otis Lobisome
PERCUSIÓN: Abdul Boulkher
GUITARRA SOLISTA: José Veloso
BAIXO: Diego Álvarez
GUITARRA E VOZ PRINCIPAL: Hde Lemos
COROS E PERFORMANCE: Srtas. Tato, Gutiérrez e Penín
LUGAR: Café Auriense
HORA: 01’00
TARIFA: Consumición
Ménage à trois é unha banda atípica que busca un nivel de expresión existencial das súas vivencias, medos, motivacións e logros. A base da nosa idea musical é a fusión de estilos, blues, funk, ska, bossa, reggae, todo orientado ao estilo pop-rock, misturado cunha estética e un son moi persoal e pouco común. Dalgún xeito buscamos que ninguén quede indiferente e que o show sexa o máis divertido posible, cargado de enerxía positiva cunha mistura emocional.
Ficha técnica e máis info en www.miteu.es
UTA. Unidad de Trastornos Alimentarios
GRUPO ESTABLE DEL AULA DE TEATRO DE LA UNIVERSIDAD DE BURGOS (CASTELA-LEÓN)
DRAMATURGIA: Juan Luis Sáez
LUGAR: Campus (Antiga Capela. Pavillón Nº 1). Aforo limitado
HORA: 19’00
DURACIÓN: 100 minutos (con breve intermedio)
TARIFA: 2 €

UTA. Unidade de Trastornos Alimentarios, está concebido como un popurrí de textos dramáticos nos que os alimentos están presentes, pero con temáticas moi amplas, con forte contido social e político e estilos diversos; e incluso transgresores. Etimoloxicamente popurrí vén do francés pot-pourri que o tomou da expresión española olla podrida, e que se emprega para describir calquera mistura confusa de cousas diversas e en música para cantar varias cancións continuas sen que desentoen. Actualmente, a olla podrida é o prato máis representativo da cociña burgalesa. Seguindo coa analoxía da comida, o legume, as verduras, o recheo, os compostos do porco, a carne son ingredientes moi diferenciados que se misturan e complementan na olla podrida, harmonizando as súas propiedades nun prato único. A memoria histórica, a anorexia, a manipulación dos medios de comunicación, o imperialismo americano, a educación castradora, o fascismo que está inmerso na nosa vida cotiá… son algúns dos ingredientes que compoñen o noso popurrí culinario e que se tratan en UTA, Unidade de Trastornos Alimentarios dun xeito directo e moi cercano ao espectador ao que se lle fai sentir partícipe da celebración culinaria. No ano en que Burgos foi nomeada Capital Española da Gastronomía, o Grupo Estable da Aula de Teatro da Universidade de Burgos preparou unha olla podrida cuxos ingredientes son fragmentos de varias obras de Rodrigo García (Notas de cocina; La historia de Ronald, el payaso de McDonald’s e After Sun), fragmentos de Mi relación con la comida, de Angélica Liddell, Un hueso de pollo, de Laila Ripoll, el poema Recuerdos de infancia, de Félix Grande, Comida alemana, de Thomas Bernhard y Acuerdos tomados, de Moisés Mato López.
Eu sei que teño máis revolta a cabeza ca o estómago porque un pensamento meu é infinitamente máis difícil de aturar ca un peido meu.
“A historia de Ronald, o pallaso de McDonald’s”, de Rodrigo García.
ELENCO: David Fernández, Yago Rodríguez, Celia Díez, John Halnan, Alberto González, Clara Antúnez, Isabel Iglesias, Carlos Baragaño, Beatriz Carnicero
DIRECCIÓN: Juan Luis Sáez
CONCERTO: Budiño (GALICIA), Presentación do seu novo disco “Sotaque”
LUGAR: Teatro Principal
HORA: 20’30
TARIFA: 12 € (anticipada 10 €. Non son válidos os pases da MITEU)
Presentación en Ourense do novo disco de Budiño. Músico galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, anovador por convicción, soñador de melodías imposibles. Discografía: Paralaia (1997), Arredor (2000), Zume de terra (2004), Home (2007), Volta (2010) e no 2013 a súa nova creación “Sotaque”. Este traballo de composición propia reflicte a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co acento característico de Budiño, co seu Sotaque. Un álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen o labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por Budiño máis unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.

Parecia que dançávamos. Tu vestido de príncipe e eu nua
TEATR’UBI / ASTA (COVILHÂ - PORTUGAL)
AUTOR: Rui Pires
LUGAR: Auditorio
HORA: 23’00
DURACIÓN: 60 minutos
TARIFA: 2 €
Porque estás lonxe e ausente, como camiñas libremente, polos soños da miña infancia, alí, onde saen os soles da medianoite, sombríos e dourados; entre as negras rúas, onde abundan os ladróns de almas. Apoderácheste de todo, ata das lembranzas de cando non te coñecia. Estou só. Onde vou? Onde vou? E xamais haberá unha resposta. Entrei con pasos de bolboreta e dirixinme ao xardín, á potente lúa. Movíame nun espazo moi fino, rarísimo, entre a luz e a sombra, a morte e a vida. Ámote, a resposta era un silencio ou un xesto ambiguo. Todo era real e irreal como é sempre a vida. Voarán os anos e na noite escura, alá no alto, moi alto, aínda hai unha estrela azul que nos guía.
CO-CREACIÓN E INTERPRETACIÓN: Cristina Enes, Diana Portela, Gonçalo de Morais, Hélio Cabrita, Inês Santos, Marisa Inglês, Sara Pires
COPRODUCIÓN: TeatrUBI - ASTA
TEXTO: Rui Pires a partir de “Puta de prisión” de Isabel do Carmo e Fernanda Fráguas e de “La flor de Lis” de Marosa di Giorgio
CREACIÓN E DIRECCIÓN: Rui Pires
Máis info e ficha técnica no programa da web da MITEU.
Positive Generation
Médicos sen Fronteiras
DOCUMENTAL
PROCEDENCIA: Zimbabue. Médicos sen Fronteiras
LUGAR: Campus (Salón Emilia Pardo Bazán - Multiusos)
HORA: 19’00
DURACIÓN: 50 minutos
TARIFA: libre
Positive Generation inspírase nos coros que percorren cantando os camiños e as aldeas de Zimbaue para falar abertamente sobre a SIDA e rachar o estigma que hai en torno a esta enfermidade. Cancións que falan de vivir con dignidade se hai tratamento, de previr o contaxio, de loitar contra a discriminación e facer sentir ás persoas afectadas que non están soas fronte ao virus.
CORTESÍA DE MÉDICOS SEN FRONTEIRAS.

DIRECCIÓN: David Trueba
PRODUCIÓN: Jessica Huppert Berman. (Buenavida Producciones)
PRODUCTOR MUSICAL: Javier Limón
NARRACIÓN: Leonor Watling

Compañía de Teatro da USC - Campus de Lugo (GALICIA)
AUTOR: idea de Paloma Lugilde
LUGAR: RÚA DOS VIÑOS E RÚA DO PASEO
HORA: 20’00
DURACIÓN: 20 MINUTOS
TARIFA: LIBRE

ELENCO: Uxia Aguiar, Diego Ares, Lili claro, Natalia Fernández, Moncho Ferreira, Mónica Folgueira, Guillermo Guada, Aline Marcimiano, Bea Miranda, Rubén Pérez, Roberto Rivas, Raquel Velasco, Antón Rodriguez, Tania Luaces, Mauricio Repetto, Majo Rodríguez, Angeles Pérez, Helena López, Alicia Fernández

As mil vidas de Matías Houseman
TEATRO DE ADRO (GALICIA)
AUTOR: JOSE PRIETO
LUGAR: TEATRO PRINCIPAL
HORA: 20’30
DURACIÓN: 65 MINUTOS
TARIFA: 5 €
Monólogo traxicómico no que o actor Josito Porto interpreta a curiosa e polifacética vida de Matías Houseman, desde a súa adolescencia ata a súa vellez, é dicir, que durante pouco máis de unha hora recrea unha existencia de máis de sesenta anos, nos que Matías transita continuamente de profesión en profesión. Matías Houseman chega a ser estrela da música, futbolista de primeira división, actor de teatro, mafioso, líder espiritual e incluso presidente do goberno, entre outras moitas actividades que realiza mentres os anos van pasando e moldeando a súa complexa personalidade. O espectáculo, de ton principalmente humorístico, está marcado pola variedade, intrínseca na maneira de vivir do personaxe arredor do que xira a peza. Esta variedade permite non só un dinamismo escénico evidente, acentuado polas cancións interpretadas en directo, os números mímicos e os monólogos cómicos, senón que ademais obriga ao público existente a trasladarse a outros espazos sen ter que moverse da butaca. Por veces, o público sentirase como espectador dun concerto de rock, para pouco despois ocupar o lugar dun asistente a un partido de fútbol, ou un convidado a unha charla de carácter espiritual, ou o confidente das confesións dun perigoso mafioso.
ACTOR: Josito Porto
DIRECCIÓN: Jose Prieto

COMPAÑÍA DE TEATRO DA USC - CAMPUS DE LUGO(GALICIA)
Animaliños
Coa colaboración do CDG
AUTOR: ROBERTO VIDAL BOLAÑO
LUGAR: AUDITORIO (Aforo limitado ao público que entre no escenario)
HORA: 23’00
DURACIÓN: 70 MINUTOS
TARIFA: 2 €
Unha urbanización asolagada por unha praga de caracois? Toda a culpa a teñen os caracois? Dá igual bótame a min a culpa que máis dá? 116 m. de hipoteca? Caracois? Tal vez un pouco de TENRURA…

AULA DE TEATRO DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA (GALICIA)
A burla do galo
AUTOR: ROBERTO VIDAL BOLAÑO
LUGAR: TEATRO PRINCIPAL
HORA: 20’30
DURACIÓN: 95 MINUTOS
TARIFA: 2 €
Velaí o título completo que para esta peza escribiu Roberto Vidal Bolaño, primeiro traballador do teatro a quen se dedica, neste 2013, o Día das Letras Galegas: “A Burla do Galo, vida e amores de Don Esmeraldino da Cámara Mello de Lima, Vizconde de Ribeirinha e Galo de Portugal; de quen souben polo que arredor das súas certas andainas deixou dito, no seu Merlín e Familia, un tal Don Álvaro Cunqueiro, home de fina pluma e requintado verbo ó que moitos temos por gloria das letras desta e da outra ribeira do Miño”.
E velaí unha pregunta: onde está o demo?
COA COLABORACIÓN DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO.
ELENCO: Miguel Medina, Mélani Corral, Bea Martínez Figueroa, Sara Fernández Baldomir, Amelia Da Silva, Laura Blanco Mata, Leni Prieto, Diego Franqueira, Marcelino Fuente.
DIRECCIÓN: Rubén Ruibal

YLLANA (MADRID)
Star Trip
AUTOR: YLLANA
LUGAR: AUDITORIO
HORA: 23’00
DURACIÓN: 75 MINUTOS
TARIFA: 8 €
Star Trip, espectáculo maquinado por Yllana, adéntranos no alucinante e absurdo mundo da ciencia ficción e o espazo. Todo iso co seu característico humor negro, a súa linguaxe universal e sen palabras. Os protagonistas de Star Trip son catro intrépidos astronautas que levan 50 anos hibernando dentro dunha nave espacial que vaga polo espazo, e cuxa misión é atopar vida intelixente no universo para, unha vez atopada, destruíla. O espectáculo comeza co espertar da nosa audaz tripulación. A súa loita por dominar unha nave que ten vida propia, o laborioso día a día nela, e os diferentes mundos cos que van colisionando son o arranque dunha vertixinosa viaxe aos confíns da comedia. Cunha coidada banda sonora e elaborados efectos visuais Yllana homenaxea a unha serie de xéneros moi queridos pola compañía: a ciencia ficción, as películas do espacio e o terror científico.
ELENCO: Fidel Fernández, Raúl Cano, Janfry Dorado, Jony Elías
IDEA ORIXINAL: Yllana
PRODUCIÓN: Yllana
DIRECCIÓN: YLLANA

AULA DE TEATRO UNIVERSITARIA DE VIGO (GALICIA)
Propietarios
AUTOR: A PARTIR DE “ANIMALIÑOS” DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO
LUGAR: TEATRO PRINCIPAL
HORA: 20’30
DURACIÓN: 60 MINUTOS
TARIFA: 2 €
Tan pouco te gustas que non queres que saibas como es realmente?
ELENCO: Rodrigo Rodríguez, Iria Aldomar, Cándido Paniagua, Paula Costas, Salvador García
DIRECCIÓN: Pepa Barreiro

Ademais, hoxe publicamos en praza unha ENTREVISTA CON FERNANDO DACOSTA, director da MITEU. “Este actor, director e dramaturgo, licenciado en Filoloxía Hispánica e membro da emblemática compañía Sarabela, cunha amplísima bagaxe no oficio, é o máximo responsable da MITEU, o que a vai preparando ao longo do ano e, tras dúas semanas de actividade incesante (“unha loucura”), o que poderá dicir que foi todo un éxito porque ano tras ano, e contra os tempos e as administracións, vai superando os seus records de asistencia grazas a un público fiel e unha programación cada vez máis completa e esixente. Pequeno de estatura e cun corazón grande, este home di en voz baixiña con gran serenidade e sempre cun sorriso no bico verdades coma puños, tan contundentes como as súas montaxes teatrais ou a mensaxe de Benvida da XVIII MITEU”. Non deixedes de lela, teatreir@s, é moi interesante a súa visión ;)

La plegaria de la selva y otros cuentos
Chokilla (Ecuador)
AUTOR: texto de varios autores; Manoel de Baros, Eduardo Galeano, Eliecer Cárdenas, Fred Bernard e Fabián Durán
LUGAR: Auditorio
HORA: 20’30
DURACIÓN: 60 minutos
TARIFA: 3 €
A antropoloxía teatral e o clown son os recursos cos que foron creados os personaxes de La plegaria de la selva, eles son: o profesor indíxena branco e o can cantor. (Cando os animais estamos moito tempo en contacto cos humanos perdemos pouco a pouco o uso da palabra). Xiomara Carnaval: cada ano, as festas populares, mestizas, contemporáneas, danlle outra posible función ao tempo, por exemplo o Entroido, asociado no universo campesiño do Ecuador á fertilidade e á sorte. Esta festividade é o acontecemento gratificante dunha sociedade participativa, a máis clara e feliz experiencia da reconciliación dos homes. A cultura de tres países (Cuba, Ecuador e Brasil) exprésase neste monólogo no que a danza, o xogo e a música teñen unha presenza simultánea, unha complicidade. La rebelión de las marionetas: como se chama esa enfermidade que me deu? Case me mata… Ah, si, debe ser o nome científico, porque o nome común e silvestre é o esquecemento. E ti curáchesme, toma un bico. El coyote morado: a constitución máis antiga da historia está oculta pero evidente no canto cotián dun coiote, ninguén lle fai caso porque é morado.
ACTOR: Fabián Durán Suárez.
MÚSICA: A. Valdez / O. Valdez, Café Guancasco, Fabián Durán.
DIRECCIÓN: Juan Pablo Liger.
Máis info no programa do día e web da MITEU.

Fotos: Jordana Barale
Onte foi o día o actor na MITEU. Dúas obras cun só actor, que focaliza toda a atención e estende todas as súas dotes interpretativas e recursos expresivos, corpo e palabra, voz e silenzo, pausa e movemento. Primeiro, con Carlo Strazza e Grupo Limpido-Banda Kurenai, protagonista absoluto de “My Name”, historia de Raffaella Russo a partir do texto de Koltès inspirado nun feito real, a historia dun asasino en serie na Italia dos 70, con música da época, efectos de son e voz en off apenas, sen máis escenografía que unha cadeira, e a presencia e os movementos do actor sobre o escenario.

E despois, e para pechar a xornada, raiando a medianoite, co brasileiro Eduardo Okamoto, Bacharel en Artes Escénicas e Mestre e Doutor en Artes que levou a pasada noite ás táboas o seu proxecto de mestrado, “Agora e na Hora de Nossa Hora”, un monólogo sobre “meninos de rua” (así se chama aos nenos das favelas) con dramaturxia e actuación do propio Okamoto e dirección de Verónica Fabrini. Durante unha hora o actor de São Paulo tívonos sen respiración, facéndonos sentir as sensacións, medos e desexos do Pedrinha. Pedrinha é un supervivente da Chacina (matanza)da Candelária: agochado nun quiosque asistiu ao asasinato de madrugada de oito “meninos de rua”. Ao narrar os acontecementos, Pedrinha revela unha sociedade que nega os “meninos de rua” até a morte. “Agora e na Hora de Nossa Hora”, segundo o libreto, “recrea o cotián dun deses nenos: un sobrevivente que luita, ama, se esconde, fuma crack, vive. Aínda que conte un acontecemento histórico, o espectáculo non é un documental. A nosa historia muda a Historia na busca de que, un día, non se repita máis”.
E así é: está baseado nun feito real, cando, en 1993, oito nenos moradores da rúa foron asasinados por policías nos arredores da Igrexa da Candelaria, en Río de Janeiro. O proceso creativo incluíu a pesquisa sobre a Chacina da Candelaria. Ao tempo inspírase no conto “Macario”, do mexicano Juan Rulfo. E foi escrito sobre a marcha, mentres Okamoto actuaba, improvisaba, daba renda solta á súa expresión e maxín. É o que chaman “dramaturxia de actor”, unha escola na que a súa compañía pescuda incesantemente, estudando as relacións entre o potencial expresivo do corpo e a produción dramatúrxica, impartindo cursos e obradoiros.

Mais a súa arte non só aspira a representar unha realidade cruel: tamén quere mudala. O proxecto incluíu a realización de oficinas de circo con nenos e adolescentes da rúa, e ao completarse 18 anos dese feito histórico, concebiuse un proxecto de circulación do espectáculo: “Agora e na Hora da Nosa Hora-18!” Así, nunha primeira etapa, realizouse unha temporada, no SESC Pompéia, en São Paulo. Nunha segunda, tamén cofinanciado polo Ministerio de Cultura, o espectáculo preséntase en 18 sesións por varias cidades do Estado de São Paulo. As presentacións foron acompañadas de actividades paralelas: “workshop”, debate, exposición arredor do proxecto de creación. Ademais disto, despois de cada fase do proxecto, Eduardo Okamoto presentou a súa interacción cos “meninos de rua” en 18 publicacións no seu blog eduardookamoto.com.
“Agora e na Hora de Nossa Hora_18!” é proxecto de circulación circular: integración e aprendizaxe coas experiencias; os feitos do pasado como apertura para a invención do futuro. O proceso de creación do espectáculo, iniciado con oficinas de arte con nenos de rúa, é descrito no libro “Hora da Nossa Hora: o menino de rúa e o malabar circense”, de Eduardo Okamoto (Editora Hucitec, 2007).

E, deixando de lado o aspecto social, evidentemente relevante, deste espectáculo que aspira a ser moito máis que iso, centrándonos no nidiamente artístico, atoparemos máis razóns para non esquecer. Un espazo inédito até agora para o público ourensán, o escenario do Auditorio, catro bancadas de espectadores e unha escenografía en forma de cruz co camiño de pedras marcado polo propio actor, que respira, canta, ri e chora a tres centímetros de ti, transpirando humanidade, sentindo o que el sinte. Transmitindo moitísima forza do comezo ao fin, levándonos nas súas costas sen perder o ritmo un segundo, dominando o espazo e o tempo. Con total control do corpo e do atrezzo (apenas unhas pedras que parecía que ían bater no público pero nunca chegaban a facelo, unha cunca de metal e a súa roupa), a música das favelas entrando dende dentro e as sireas da policías e os focos delatores, o perigo, axexando de súbito e facéndoche sentir o medo na pel.

JORGE M. DE LA CALLE

“LA CHARANGA” DA UNIVERSIDADE COMPLUTENSE DE MADRID (MADRID)
Medea
VERSIÓN: BEATRIZ CANO
LUGAR: TEATRO PRINCIPAL
HORA: 20’30
DURACIÓN: 80 MINUTOS
TARIFA: 2 €
Baseada na obra de Eurípides, Medea Versión Beatriz Cano plantexa unha nova lectura do Mito: unha MEDEA TRIPLE. Medea Feiticeira, Medea Namorada e Medea Razón. Elas, AS TRES MEDEAS, son as protagonistas absolutas da súa traxedia. Unha Medea Triple que ispe a súa alma diante do espectador.
Sometida a Feiticeira - núcleo da personalidade de Medea por Medea Namorada e Medea Razón, esperta coa nova do seu desterro e comezará o seu despiadado plano para conseguir romper con ambas as dúas. Nun primeiro momento desvencellarase de Medea Razón, aínda que esta sempre permanecerá presente, suliñando deste xeito, como xa fixo Eurípides, que a paixón non supón ausencia de razón. Posteriormente, Medea Feiticeira romperá coa Namorada, a quen “máis odia e detesta” por tela obrigado a asasinar ao seu irmán e abandonar a súa patria para embarcarse con Jasón. A nosa Medea non remata “vitoriosa” sobre o carro alado de Helios e cos cadáveres dos seus dous fillos. Este crime supón un dominio de Medea Feiticeira sobre as demais, poñendo fin á súa relación con Jasón. Pero tamén conleva a súa propia destrución. A nosa Medea non finaliza vitoriosa. A nosa Medea volve ser Medea. Medea Feiticeira. Medea Namorada. Medea Razón. A súa presenza faise unha soa, unha soa acción autodestrutora.
Obra gañadora do XV certame de teatro universitario UCM 2011: Primeiro premio á mellor montaxe, Premio á mellor dramaturxia, Premio á mellor interpretación feminina, Representación no teatro da Abadía de Madrid.
ELENCO: Beatriz Cano, Almudena Estradé, Paula Montañés
DIRECCIÓN: Victoria Olmedo
Ficha técnica e máis info no programa da web da MITEU.

TEUC (TEATRO DOS ESTUDANTES DA UNIVERSIDADE DE COIMBRA) (PORTUGAL)
Projecto H
AUTORES: JOANA PROVIDÊNCIA E TEUC
LUGAR: TEATRO PRINCIPAL
HORA: 20’30
DURACIÓN: 55 MINUTOS
TARIFA: 2 €
De onde veñen e onde van aquelas persoas? Que lles acontecería? Que lembran? Terán algunha vez amado, sentiríanse amadas?
Este proxecto desenvolvese entorno ao universo do pintor Edward Hopper cuxas obras, habitadas por unha mistura de realismo e estrañeza, parecen captar un antes e un depois sen que se perciba exactamente o que. Hai unha suspensión instantánea, case fotográfica, do ritmo cotián que xorde rodeado de segredos e créanos unha sensación de algo incompleto. En Hopper hai un “voyeurismo” frío, un distanciamento, unha case ausencia de voluptuosidade. Motivounos este sentimento de interioridade e de silencio, onde a luz crea espazo, e o espazo é percorrido pola luz, creando un territorio mental de contemplación. É neste contexto que procuramos desenvolver os materiais. O traballo de interpretación asentouse sobre todo nun corpo físico, na construción de partituras de movemento, e no desenvolvemento de ideas de composición coreográfica. A palabra xorde só puntualmente e pasa a través de dúas pequenas historias tiradas do “Caderno Vermello” de Paul Auster.
ELENCO: Helena Galveias, Helena Pinela, Joana Salgado, Miguel Matos, Rafaela Bidarra, Rodolpho Amaral, Ruy de Liceia
PRODUCIÓN: TEUC 2013
DIRECCIÓN: Joana Providência

VAGALUME con
Nazo… Bailo… Morro
AULA DE DANZA DA UDC - DANZA NORMAL.
A CORUÑA con
2 m2 de pel
MIRIAM CENTRO DE DANZA. OURENSE con
Nin xordos, nin múos, nin cegos
TICS (ESPAZO PARA A FORMACIÓN
EN DANZA E OUTRAS ARTES) con
Acolchoadas
ESCOLA ESTILO LIBRE con
Michael Jackson
COMPAÑÍA DE DANZA DA USC-LUGO con
5 Elementos
“DO-OU-TRAS”
AULA DE DANZA CAMPUS DE OURENSE con
Oco
(GALICIA)
LUGAR: AUDITORIO
HORA: 23’00
DURACIÓN: 80 MINUTOS
TARIFA: 2 €
NAZO… BAILO… MORRO: Un paso veloz nun mundo de cegos, cando queremos ver acábasenos o tempo.
2 M2 DE PEL: A pel é o maior órgano do corpo humano ou animal. Ocupa aproximadamente 2 m2. O primeiro sentido que desenvolvemos é o tacto fundamentando nel a nosa relación co mundo que nos rodea. Curiosamente, na nosa sociedade é o menos utilizado a pesar de ser a forma de comunicación física máis intensa da que dispoñemos. O contacto non é só un perfil de facebook, un correo electrónico ou unha páxina de relacións esporádicas. O contacto físico mantennos vivos e calquera roce de pel con pel deixará gravada a súa pegada.
NIN XORDOS, NIN MÚOS, NIN CEGOS: Equivócanse os que creen que a sociedade non se entera…
ACOLCHOADAS: 1. Neoloxismo propio da cidade de Ourense empregado para definir un conxunto de mulleres que se arman e protexen baixo o colchón, tras do colchón, entre colchóns…, ante calquera acontecemento. Coa caída dun chícharo, as mulleres ficaron acolchoadas. 2. Tics adxectival derivado do verbo acolchoar. Durmiron acolchoadas unhas por riba das outras. SIN. acolloadas (vulg.) , amedrentadas, atemorizadas, intimidadas.
MICHAEL JACKSON: Danza.
5 ELEMENTOS: A terra fainos crecer, o aire dános alento, a auga réganos, o lume dános calor e o éter fainos pensar.
OCO: O oco que posibilita o oco. O oco que deixa un oco.
INTÉRPRETES:
NAZO… BAILO… MORRO: Iago Bernárdez
2 M2 DE PEL: Nadia Abdulkadir, Fanny Abelenda, Bibiana Buján, Lorena Carballido, Léa Mauguin, Giordana Perusi, Laura Ríos, Kaila San Fabián
NIN XORDOS, NIN MÚOS, NIN CEGOS: Adriana Feijoo, Sara Maslanka, Sandra Novoa |
ACOLCHOADAS: Laura Nóvoa, Sara Fondevila, Raquel Álvarez, Marta Fernández, Irene de Sas e Patricia Varela
MICHAEL JACKSON: Lety, Hugo, Luna, Lea, Lucas, Noelia, Andrea
5 ELEMENTOS: Eva De la Torre, Caroline de Jesús, Gús Fouce, Aline Marcimiano, Cristina Penalva, Mª José Pérez e Elvira Rúa
OCO: Laura Quintas Vázquez, Estela Sánchez Rodríguez, Angela Gonzalez Fernandez, Natalia Janeiro Cadahía, Samanta Fernández Cortés, Iago Bernárdez Gómez, Silvia Fernández Fernández, Nides Otero Paz
DIRECCIÓN / COREÓGRAFOS:
NAZO… BAILO… MORRO: Iago Bernárdez
2 M2 DE PEL: Rut Balbís
NIN XORDOS, NIN MÚOS, NIN CEGOS: Miriam Rodríguez
ACOLCHOADAS: Patricia Varela Díaz
MICHAEL JACKSON: Hugo Alonso - Leticia Nogueira
5 ELEMENTOS: Rosa Acuña (coreografía) - Juan Carlos Zahera (dirección)
OCO: TrasPediante (Dirección artística Begoña Cuquejo)

MOROKO (MAGO CÓMICO) (GALICIA)
Eu creo na maxia
AUTORES: SAMUEL CARDOSO
LUGAR: CAFÉ AURIENSE
HORA: 01’00
DURACIÓN: 50 MINUTOS
TARIFA: CONSUMICIÓN
Espectáculo de ilusionismo aderezado con humor no que se fai participar aos espectadores nos xogos e efectos.
Ficha técnica e máis info no programa da web da MITEU.